10/08/2019
Xa queda menos!!! :) :) O coñecido fotógrafo Vicente Ansola Trueba está a ultimar nestes días varias das imaxes para o libro sobre a biografía do mestre-artesán Xosé Manuel Seivane Rivas (1921-2012). Ansola foi o encarregado de retratar algunhas das persoas que foron entrevistadas por Xosé Manuel Sánchez Rei, profesor titular da Área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña e autor do traballo; entre elas, encóntranse, por exemplo, Afonso Castro (artesán), Alfonso Blanco Torrado (Asoc C. Xermolos de Guitiriz), Anton Corral (artesán), Xaquín Xesteira Losada (Treixadura - Galicia),Xosé Vicente Ferreirós (Milladoiro), a propia Susana Seivane etc. O afamado fotógrafo sinala que os “retratos acompasan moi ben o texto de Xosé Manuel” e que tenciona que “reflictan, dunha maneira ou doutra, o contido da conversas á volta do patriarca Seivane”. O libro –dunhas quiñentas páxinas e que contén máis de 40 partituras de melodías compostas ou interpretadas por Seivane transcritas por Daniel Bellón e Pedro Lamas– áchase presentemente en proceso de editorización e ten prevista a súa saída do prelo neste outono de 2019, coincidindo así co 80º aniversario da primeira gaita construída por Xosé Manuel Seivane Rivas.